A Free Template From Joomlashack

A Free Template From Joomlashack

Quen anda?

Temos 9 convidados en liña
O desprezo político ao funcionariado PDF Imprimir Correo-e
Escrito por Francisco J. Bastida Freijedo   
Luns, 23 Xaneiro 2012 21:43

Co funcionariado está a suceder o mesmo que coa crise económica. As vítimas son presentadas como culpables e os auténticos culpables válense do seu poder para desviar responsabilidades, metendo a man no peto e no horario laboral dos que inutilmente proclaman a súa inocencia. Aquí, coa agravante de que ao ser unhas vítimas selectivas, persoas que traballan para a Administración pública, o resto da sociedade tamén as pon no punto de mira, como parte da débeda que se lle veu enriba e non como unha parte máis dos que sofren a crise. A rebaixa salarial e o incremento de xornada dos funcionarios apláudense de maneira inmisericorde, co satisfeito sorriso dos gobernantes por veren ratificada a súa decisión.

Detrás de todo isto hai unha ignorancia supina da orixe do funcionariado. Envídiase do seu status -e por iso se critica- a estabilidade que ofrece no emprego, o que en tempos de paro e de precariedade laboral é comprensible; pero esta permanencia ten a súa razón de ser na garantía de independencia da Administración respecto de quen goberne en cada momento; unha garantía que é clave no Estado de dereito. En coherencia, establécese constitucionalmente a igualdade de acceso á función pública, conforme ao mérito e á capacidade dos concursantes. A expresión de gañar unha praza «en propiedade» responde á idea de que ao funcionario non se lle pode «expropiar» ou privar do seu emprego público, senón é nos casos legalmente previstos e nunca por capricho do político de quenda. Certo que non poucos funcionarios consideran esa «propiedade» en termos patrimoniais e non funcionais e se apoian nela para un escaso rendemento laboral, ás veces co beneplácito sindical; pero isto é corrixible mediante a inspección, sen ter que alterar aquela garantía do Estado de dereito.

Os que máis contribúen ao desprezo da profesionalidade do funcionariado son os políticos cando acceden ao poder. Están tan acostumados a medrar no partido a base de lealdades e submisións persoais, que cando chegan a gobernar non se fían dos funcionarios cos que se atopan. Con frecuencia venos como un obstáculo ás súas decisións, como burócratas que poñen obxeccións e controis legais aos que pensan que non deberían ter límites por ser representantes da soberanía popular. En caso de conflito, a lealdade do funcionario á lei e á súa función pública chega a se interpretar polo gobernante como unha deslealdade persoal cara el e mesmo como unha oculta estratexia ao servizo da oposición. Para evitar tal escollo xurdiron, cada vez en maior número, os cargos de confianza á marxe da Administración e das súas táboas salariais; tamén se provocou unha hipertrofia de cargos de libre designación entre funcionarios, o que ten suscitado entre estes un interese en se alinear politicamente para acceder a postos relevantes, que logo terán como premio unha consolidación do complemento salarial de alto cargo. O desexo de crear un funcionariado afín ten conducido á intromisión directa ou indirecta dos gobernantes en procesos de selección de funcionarios, influíndo na convocatoria de prazas, a definición dos seus perfiles e temarios e mesmo na composición dos tribunais. Este modo clientelar de entender a Administración, en si mesmo unha corrupción, ten moito que ver coa corrupción económico-política coñecida e co fallo nos controis para atallala.

Estes gobernantes de todas as cores políticas, pero sobre todo os que se tildan de liberais, son os que, tras a perversión causada por eles mesmos na función pública, arremeten contra a tropa funcionarial, sexa personal sanitario, docente ou puramente administrativo. Se a crisis é xeral, non é comprensible que se rebaixe o soldo só aos funcionarios e, se o que se quere é gravar aos que teñen un emprego, debería ser unha medida xeral para todos os que perciben rendas polo traballo sexan de fonte pública ou privada. Con todo, o máis indignante non é o recorte económico no salario do funcionario, senón o insulto persoal á súa dignidade. Pretender que traballe media hora máis ao día non resolve ningún problema básico ni aforra postos de traballoo, pero serve para sinalalo como persoa pouco produtiva. Reducir os chamados «moscosos» ou días de libre disposición -que naceron en parte como un complemento salarial en especie ante a perda de poder adquisitivo- non alivia en nada a Administración, xa que xamáis se contratou unha persoa para substituír a quen goza deses días, pois se reparte o traballo entre os compañeiros. A medida só serve para crispar e desmotivar un persoal que, alén de ver cómo se lle rebaixa o seu soldo, ten que soportar que os gobernantes o estigmaticen como unha carga para saír da crise. Pura demagoxia para dividir os paganos. En contraste, os políticos no poder non renuncian aos seus asesores nin a ningún do seus xenerosos e múltiples emolumentos e prebendas, que na maioría dos casos xamáis terían nin na Administración nin na empresa privada se só se valorasen o seu mérito e capacidade. E o grave é que non hai propósito de emenda. Non se enganen, a crise non corrixiu os malos hábitos; todo o máis, os ten frenado por falta de financiación ou, simplemente, forzou a practicalos de maneira máis discreta.


Francisco J. Bastida Freijedo

Catedrádico de Dereito Constitucional da Universidade de Oviedo


Artigo publicado o 15/01/2012 na páxina web  "www.lne.es"

Reproducido con autorización do autor

Partillar no Chuza!Partillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo
 
Joomla 1.5 Templates by Joomlashack