|
Escrito por Alexandre Prieto
|
|
Sábado, 04 Febreiro 2012 00:00 |
|
Dunha lectura inicial, valoramos estas como as principais medidas que pretende o goberno de Galiza: - Suspensión do complemento do 100% de IT ata o día 21. Excepción para as IT por accidente ou enfermidade laboral e maternidade. (Outra medida de claro carácter antisocial, un insulto e un retroceso de anos nos nosos dereitos laborais).
Suspensión do Fondo de acción social exceptuando as axudas á discapacidade. (Aprobado, orzamentado, con prazos para a súa publicación e agora pretenden manter os Servizos Sociais coa maior medida antisocial).
- Rebaixa dos días por asuntos propios de 9 a 6, non tocan os do EBEP. (Todos sabemos que non se vai aforrar nada, que é pura demagoxia contra o conxunto dos Servizos Públicos)
- Suspensión temporal do complemento de ex altos cargos. (non aceptamos o termo “temporal”)
- Regulación da xornada laboral implantando as 37 ½ horas. O persoal laboral e funcionario fixo poderán reducir 1/3 a súa xornada voluntariamente sen ter que ser por razóns de coidados de fillos ou dependentes. (Todos e todas, agás conciliacións familiares e pouco máis, facemos 37 horas e media, onde está o cambio? Outra medida fume.)
- Permitirán a Administración que reduza 1/3 a xornada laboral do persoal eventual e interino, laboral e funcionario. (Inaceptable, o persoal interino fai o mesmo traballo que o persoal laboral e funcionario, por que este ataque a este colectivo? Quen vai facer o chollo? Máis asistencias técnicas?)
- Suspensión de varios artigos do V Convenio Laboral. Entre outros: a non compensación en libranzas dos domingos e festivos traballados, que se aboarán. (Por se non o sabe a conselleira, o ámbito de negociación do convenio non é o seu despacho; entre outras, o lóxico é compensar tempo por tempo e non con cartos, boa medida aumentar a cola de paro)
Até aquí podemos chegar, en conxunto estas medidas non van supor o grande aforro que está vendendo o goberno da Xunta, a maioría son fume e son un insulto, non as aceptamos. Veñen dun goberno composto na súa maioría por persoal funcionario que ao único que lle poñen a etiqueta “temporal” é ao plus que eles cobrarán se algún día volven ao traballo.
A resposta da CIG-Autonómica é clara: MOBILIZACIÓN!
Participa nas asembleas que se convoquen no teu centro de traballo e únete á marea de protesta organizada. Entre todas e todas ímolo a parar. |