A Free Template From Joomlashack

A Free Template From Joomlashack

Quen anda?

Temos 7 convidados en liña
A Xunta segue a gastar no que os empregados públicos lle solicitan recortar PDF Imprimir Correo-e
Escrito por Anxo Anta   
Martes, 28 Febreiro 2012 15:07

A CIG-Autonómica solicita o pronunciamento público do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. A xustificación de varios convenios cos medios de comunicación como “urxentes e necesarios” resulta unha proba da hipocrisía da austeridade do goberno galego e un insulto aos empregados públicos.

A través dunha filtración dun xornal electrónico a CIG-Autonómica tivo coñecemento do inicio da tramitación de varios convenios da Consellaría de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio con determinados medios de comunicación.

No documento filtrado valórase a contía dos convenios en 340.000,00 €. A unidade administrativa que inicia os convenios é a Axencia Galega de Infraestruturas e o fundamento xurídico da “urxente e inaprazable necesidade” atópano no artigo 19.7 da Orde de 29 de setembro pola que se regulan as operacións de cerramento do exercicio de 2011 (DOG 30/09/2011).

Hai que ter en conta que no día de hoxe, o Parlamento de Galicia, cos votos a favor do grupo Popular, acaba de sacar adiante a lei de medidas no emprego público. Esta lei vén xustificada no seu preámbulo na necesidade urxente de crear aforro. Xa que logo, pretender xustificar a necesidade urxente do gasto nestes convenios resulta unha proba da hipocrisía de austeridade do goberno galego.

A CIG-Autonómica solicitou formalmente o pronunciamento do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas sobre a veracidade da tramitación destes convenios con base á súa “urxente e inaprazable necesidade”. De ser certa, e dada a austeridade que se reclama, consideraríamos a tramitación destes convenios como unha vergoña e un insulto do goberno galego aos empregados públicos e a cidadanía en xeral.

En todo caso, solicitamos do goberno de Feijoo, por enésima vez, que cese neste tipo de gastos superflúos. Cómpre recordar que a supresión deste tipo de gastos non urxentes nin necesarios para o sostemento dos servizos públicos forma parte da serie de contramedidas de aforro que se lle demandaron por parte de milleiros de traballadores nas diferentes concentracións e manifestacións destas últimas semanas.

Nota remitida aos medios

Desde a CIG-Autonómica estamos a disposición das traballadoras e traballadores públicos que decidan poñer no noso coñecemento estes casos de falsa austeridade para denuncialos e que poidan ser coñecidos pola cidadanía.



Partillar no Chuza!Partillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo
 
Joomla 1.5 Templates by Joomlashack