Traballadores e traballadoras da Xunta de Galiza, convocados polo comité intercentros, co apoio das catro centrais sindicais, CIG, CCOO, UGT e CSIF, e dos diferentes órganos de representación, rodeaban o edificio administrativo da Xunta de Galiza de San Caetano, en Compostela, formando unha cadea humana. A mobilización insírese na campaña contra os recortes de dereitos consecuencia da aplicación do lei de medidas para o emprego público e coincidía coa vista oral que se celebraba no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, por mor da presentación de conflito colectivo por parte destas centrais sindicais.
Con esta cadea humana os traballadores/as, alén de manifestar a súa oposición ao decreto lei de medidas para o emprego público, proclamaban a súa defensa dos servizos públicos, manifestaban a oposición contra a súa privatización, denunciaban a precarización das condicións laborais e a amortización de postos de traballo.
A mobilización coincidía ademais coa celebración da vista oral ante o TSXG do conflito colectivo presentado polas catro centrais sindicais, pola modificación por lei de varios artigos do V Convenio do persoal laboral da Xunta de Galiza
Neste sentido, Rodolfo Docampo, Presidente do Comité Interempresas resumía as consecuencias deste decreto lei que lembrou “vulnera o dereito á negociación colectiva, usurpa o dereito dos traballadores/as a negociar as súas relacións contractuais, pactadas co goberno do PP, que logo, utilizando a súa maioría no Parlamento, botou para abaixo”.
A isto, engadiu que “o PP o que consegue é destruír a negociación colectiva, dereitos que o persoal ten recoñecidos na Constitución para defender as súas condicións laborais e salariais”.
Para a CIG, a vista oral ten especial relevancia porque aí se vai dirimir se a lei de medidas para o emprego público ten visos de legalidade ou, mesmo, se resulta anticonstitucional e vulnera a negociación colectiva. A CIG agarda que o Tribunal lle dea a razón ás traballadoras e traballadores públicos para poder frear así medidas tan lesivas, que están tendo xa consecuencias nos centros de traballo, tanto para o persoal como para os propios usuarios.
Ameaza de novos recortes
Respecto dos recados do FMI e doutros organismos internacionais, de que será prioritariamente o persoal das administracións públicas quen terá pagar o rescate aos bancos, desde a CIG, alén de manifestar o noso máis contundente rexeitamento, consideramos que se trata dun ataque, non só ás condicións salariais do persoal das administracións públicas senón tamén aos propios servizos públicos.
Resulta evidente o deterioro ao que se están abocando os servizos públicos que se pretenden encamiñar cara a súa privatización e facer desaparecer as traballadoras e traballadores públicos vía despedimentos ou afogalos con sucesivos recortes. Xa está ben, non pode ser que se pretenda que a banca privada sexa rescatada a nosa costa e con fondos públicos, cando neses mesmos bancos xa están os nosos salarios, que ben lles serven para especular. As traballadoras e traballadores das administracións non somos culpábeis desta crise nin estamos dispostos a pagar o burato da banca.
Galería de imaxes