A Free Template From Joomlashack

A Free Template From Joomlashack

Quen anda?

Temos 19 convidados en liña
Concentración no Parlamento contra os “restritivos” e “privatizadores" orzamentos 2012 PDF Imprimir Correo-e
Luns, 19 Decembro 2011 09:28

O mércores 21 de decembro, ás 11:30 horas, diante do Parlamento de Galiza

As federacións da área pública da CIG (Administración, Saúde e Ensino) veñen de anunciar a convocatoria dunha concentración de delegados/as ante o Parlamento de Galiza o vindeiro mércores día 21 de decembro, ás 11:30 horas, para manifestar o seu rexeitamento a uns orzamentos restritivos, que consolidan os recortes de servizos públicos e que afondan na rebaixa das retribucións dos/as traballadores/as do sector público.

Os orzamentos de Galiza para o 2012 afondan nas restricións retributivas dos empregados/as públicos/as e suporán unha perda de poder adquisitivo dun 15%, tendo en conta o que xa se recortaron os salarios en 2010 e 2011 e as subas acumuladas do IPC durante este período. Así o denunciou a secretaria nacional de CIG-Administración, María Carme López Santamariña, para quen é gravísimo que se consolide a perda de emprego público coa aplicación dunha taxa de reposición do 10%, que tamén se aplica en Sanidade e Ensino, e que vai supor que só 10 de cada 100 baixas, por xubilacións, excedencias e demais, se poidan cubrir. “E isto, en caso de extrema necesidade”.


López Santamariña considera que a imposición desta taxa de reposición contribuirá a aumentar as xa alarmantes taxas de desemprego, porque non se van activar as listas, o que afectará especialmente ao persoal interino, e tampouco se vai crear emprego público. Fronte a isto, a secretaria nacional de CIG-Administración denunciou a “falta de transparencia” canto ás retribucións de persoal de alta dirección, que non se rexe por convenio. Persoal do que non se coñecen as súas retribucións, porque nin van especificadas nas partidas orzamentarias, nin se deron a coñecer nas Mesas de Negociación.

A CIG alerta de que estes recortes afectarán directamente aos cidadáns e traduciranse nunha perda de calidade nos servizos públicos básicos, con especial incidencia na Sanidade, no Ensino e nos Servizos Sociais.

Esta política orzamentaria restritiva estase aplicando tamén nos concellos que, nos seus orzamentos para 2012, mesmo afondan nos recortes. Sobre todo en servizos sociais que se prestaban desde as entidades municipais.

Porén, o máis grave é que se xa os orzamentos supoñen un retroceso en dereitos sociais, laborais e prestacións, aínda poden sufrir maiores recortes ao deixar aberta a porta a aplicar directamente aqueles que se aproben nos orzamentos xerais do Estado. “O goberno do PP podería ter blindado os orzamentos da Xunta para que non houbese aínda máis recortes, pero non o fixo”, lamentou a secretaria nacional de CIG-Administración.

Consecuencias en materia sanitaria

A perda de poder adquisitivo do 15% para o conxunto dos empregados públicos é superior para o persoal da Sanidade, segundo explicou a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, porque xa antes de que se aplicara o recorte do 5% contemplado no decreto de medidas para reducir o déficit público, e recén chegado o goberno do PP, recibiron o anuncio de que se conxelaban os acordos retributivos que levaban sen negociar desde 1987 e que afectan, fundamentalmente á atención continuada: quendas, festivos, gardas, noites...

Alén diso, a taxa de reposición do 10% traducirase na Sanidade Pública nunha perda de máis de 3.000 postos até 2013 e, en consecuencia nun recorte nas prestacións. “Rómpese a equidade do sistema e introdúcense fórmulas de privatización e de co pago”. Neste sentido, Abuín denunciou a intención da Xunta de facer pagar aos doentes polas próteses ou por servizos como o de hostalería, que “deben ser integrais e incluír a alimentación e o aseo” dixo, para facilitar a recuperación das persoas ingresadas nos hospitais.

A este respecto, a secretaria nacional de CIG-Saúde lembrou a recomendación lanzada pola conselleira, cando asumiu o cargo, para que os usuarios/as da sanidade pública foran facendo seguros privados “para cousas menores”.

Do mesmo xeito, lembrou que o modelo de PCI polo que aposta o goberno do PP para hospitais como o de Vigo, hipotecará os futuros orzamentos, como xa advertiu o propio Consello de Contas, incrementará os custos e provocará un recorte de prestacións e servizos, porque as empresas buscarán garantir os seus beneficios económicos a custo dos beneficios sociais. “Volveremos a un sistema sanitario como o dos anos 40”, lamentou.

Recortes no ensino público, beneficios para o privado

O ensino é outro dos grandes castigados nestes orzamentos que veñen confirmar, segundo o secretario nacional de CIG-ensino, Anxo Louzao, a intención do PP de mercantilizalo, ao reducirse as partidas destinadas ao ensino público en 12 millóns de euros, mentres se incrementan nun 12,8% as destinadas ao ensino privado. “Afastámonos da recomendación de destinar o 7% do PIB ao ensino público e acumulamos desde 2009 unha redución de 458 millóns de euros”.

Xunto a isto, denunciou que son “galegofóbicos”, porque reducen as partidas destinadas á promoción do uso do galego nun 10% en 2012, ao que hai que engadir os recortes aplicados nos orzamentos anteriores, co que, en total, se achegan ao 60%.

Para Louzao, estas políticas van imposibilitar que desde o ensino se favoreza a igualdade de oportunidades e van provocar que sexa máis grande “a fenda da división social”, ao facer depender a formación, cada vez máis da capacidade adquisitiva dos proxenitores.

O secretario nacional de CIG-Ensino denunciou novamente o recorte en profesorado, que foi de 1.000 profesores/as en 2011, de case 600 en 2010 e que xa se prevé nos propios orzamentos que se reduza noutros 587 profesores/as en 2012. A iso, engadiu que hai nestes momentos 140 baixas sen cubrir e que son cada vez maiores as dificultades para atender as necesidades especiais. “Como CIG mobilizarémonos contra estes recortes”, dixo.

Desde a área pública da CIG fixeron tamén un chamamento a participar na concentración convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, para o mesmo día, 21 de decembro, pola tarde, tamén diante do Parlamento.

Partillar no Chuza!Partillar no MenéamePartillar no TuentiPartillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no Cabozo
 
Joomla 1.5 Templates by Joomlashack